Thursday 19 de September de 2024

Comezaron as obras de mellora das vías peonís da cidade riveirense coa reposición dun tramo de carril central na rúa Galicia


A actuación ten un prazo de execución de catro meses e un investimento superior aos 134.000 euros

Tal e como estaba previsto, esta semana deron comezo ás obras de mellora das rúas peonís de Galicia e Santa Uxía e da praza de Compostela na cidade de Riveira: unha actuación de 134.827,25 euros que está sendo executada pola empresa Sonense de Granitos S.L. e conta cun prazo de realización de catro meses.

Os operarios comezaron os traballos na rúa de Galicia, no tramo comprendido entre a rúa Rosalía de Castro e a rúa Cardenal Cisneros, procedendo á demolición do carril central, co fin de substituír as antigas lousas de granito por un material máis resistente a base de adoquín de granito recto (con dimensións de 20x10x8 centímetros) que evite un pronto deterioro: esta suplantación do firme do centro estenderase ata o cruce con rúa Canarias. O resto do vial será limpado con máquina de chorro de auga a presión.

Ademais, hai que recordar no tramo da rúa Galicia comprendido entre as prazas da Igrexa e Compostela, acometeranse labores de reposición do pavimento consistentes en substituír ou recolocar de maneira adecuada as lousas de granito que estean rotas, deterioradas ou mal dispostas. Tamén serán cambiadas as pezas rotas ou mal colocadas que forman a rígola de pedra por onde circula o se procederá á limpeza da rúa con auga a presión.

De igual xeito, serán suplantadas por outras novas as lousas rotas ou mal colocadas de Santa Uxía e limpada toda a rúa, incluíndo as leitadas.

No que se refire á praza de Compostela, substituirase na súa integridade o actual pavimento formado por lousas de granito (moi deteriorado, con múltiples pezas rotas ou mal asentadas) por outro novo, con lousas de granito de dimensións 60x40x4 centímetros. Para tal fin, previamente se demolerá o pavimento e morteiro actual e se colocará unha nova base formada por formigón en masa, malla de aceiro e morteiro de cemento.

Lector de matrículas
Cómpre lembrar que esta acción se vai levar a cabo de forma paralela á instalación dun sistema control de acceso a vehículos por medio de cámaras lectoras de matrículas e semáforos co ánimo de dar unha solución definitiva ás frecuentes roturas que se producen nos tramos peonís da cidade.